Grazas!

Por que?

A cidade para vivila sen exclusións. Concebimos o dereito á cidade desde o desexo compartido de facermos un concello para ser vivido. Vivirmos A Coruña desde a igualdade que supón o recoñecemento da súa diversidade.

A Coruña ten nome de muller e gústanos conxugar o seu nome feminimo en plural.

Porque queremos que se coñezan Todas As Coruñas. Porque queremos facer A Coruña entre todas e todos. Porque queremos outra forma para vivila.

Isto é #TodasAsCoruñas: as rúas dos nosos barrios como espazo onde poidamos tomar partido. Tomarmos partido e involucrármonos para que o Concello da Coruña sexa unha institución pública ao servizo da Coruña, unha cidade galega e mariñeira, que aposta polos barrios con políticas de emancipación social desde a ética e a responsabilidade do ben común.

Porque #TodasAsCoruñas é A Coruña Pública. É A Coruña Galega. É A Coruña Mariñeira. É A Coruña Social. É A Coruña de Barrios. É A Coruña Ética.

É A Coruña, de #TodasAsCoruñas nas que, de seguro, ti queres vivir.

Xosé Manuel Carril

Nacín en Londres e son veciño do barrio obreiro de Monte Alto desde os tres anos, logo de que meu pai e miña nai, emigrantes galegos, retornaran á nosa terra.

Vivo do meu traballo como profesor de Dereito na Universidade da Coruña e fago Política como galego que pretende ser responsábel e preocupado polo que lle pasa ao seu arredor.

Concibo a Política como un facer colectivo e non como un vivir individual, malia que ultimamente sexa unha actividade de alto risco, porque cuestionarmos as actuais políticas de opresión e de asfixia social implica porrazos, sancións económicas e denuncias nos tribunais, coas que, ademais, se pretende criminalizar a alternativa que facemos nacer da dignidade, da coherencia e da ilusión.

A Política é un facer colectivo e que leva o seu tempo se pretende ser realmente emancipadora e feita desde a base. Aseméllase moito a unha carreira de fondo ou de longa distancia. Porque a garantía do bo resultado na transformación está máis na resistencia que hai que ter durante o traxecto que na velocidade ou na présa que teñamos por chegar. A constancia fronte ás adversidades combate a ameaza do desánimo co pracer da coherencia de facer o percorrido sabendo que cada metro que se avanza é un paso seguro.

#TodasAsCoruñas, a nosa carreira de fondo ou de longa distancia, faise pateando os contrastes e as diferenzas

que se pretenden agochar coa metáfora da «Cidade do Parrote-A Mariña», tan acomplexada por snob, tan excluínte e tan elitista. As miñas zapatillas de correr de #TodasAsCoruñas pretenden ser un contrapunto simbólico a esa «non cidade». Desgastadas, nelas están a chuvia, o sol, o frío, a calor, o asfalto, os camiños de terra, os espazos mal urbanizados, as lameiras, o salitre do mar, o porto, a ría do Burgo, os barrios maltratados, as aldeas, os polígonos, a universidade... Están os espazos das persoas e do pobo que sofren e que forman esa resistencia colectiva de base, transformadora e emancipadora, que avanza sen parar.

Xose Manuel Carril

Participa

Queremos que nos achegues as túas propostas de mellora para o teu barrio.
propostas@todasascorunhas.gal

Quen somos?

Coñece o equipo do Grupo Municipal do BNG - Asembleas Abertas
bng.gal/cidadedacorunha